Rutas do Viño de Galicia e Norte de Portugal

  • Funcionamento
  • Composición
  • Funcións

EurorexiónO Ente Xestor das Rutas do Viño da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal é o órgano representativo, consultivo e de impulso das rutas da Rede Rutas do Viño da Eurorrexión, e da súa coordinación entre a administración e os sectores con intereses nelas.

Estará encargado da coordinación da xestión e promoción da rede das Rutas do Viño da Eurorrexión. Enténdese por rede o sistema concibido para potenciar o traballo conxunto entre as distintas Rutas adheridas, co obxectivo de procurar a máxima eficiencia no desenvolvemento do enoturismo da Eurorrexión.

O Ente Xestor das Rutas da Eurorrexión asumirá a coordinación de todas as rutas implementadas na Eurorrexión e estará formado por representantes de Galicia e do Norte de Portugal.

A composición do Ente Xestor da Ruta do Viño da Eurorrexión é a seguinte: 1.- Presidente ou presidenta: Persoa que ostente a Secretaría Xeral de Turismo e a Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais da Xunta de Galicia, en quendas de dous anos.

2.- Vicepresidente ou vicepresidenta: a persoa que ostente a Presidência da Comissão de Viticultura da Região dos Vinhos Verdes - Norte de Portugal.

3.- Un máximo de 30 Vogais: un representante por cada unha das seguintes unidades, organismos ou entes administrativos:

Instituto Galego da Calidade Alimentaria (INGACAL).
Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).
Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia (TURGALICIA, S.A.)
Comissão de Cordenação da Região Norte de Portugal (CCDR-N)
Turismo do Porto e do Norte de Portugal (Porto e Norte TEM)


Os vogais serán nomeados polo presidente/a, logo da súa designación pola persoa responsable da unidade, organismo ou ente administrativo ao que representan. Do mesmo xeito, por cada vogal nomearase unha persoa suplente que poderá asistir ás sesións en substitución da titular e cos mesmos dereitos e obrigas, en caso de ausencia, enfermidade ou cando concorra causa xustificada. Nestas mesmas circunstancias a persoa que ostente a presidencia poderá ser substituída pola que ostente a vicepresidencia.

Actuará como secretario ou secretaria, con voz e sen voto, un funcionario ou funcionaria da dirección xeral competente en materia de turismo e industrias agrarias e forestais da Xunta de Galicia, en quendas de dous anos inversos aos da presidencia, ou a persoa que designe quen ostente a presidencia, nos casos de ausencia, enfermidade ou calquera outra causa xustificada. Será designado e nomeado polo presidente/a.

Ás sesións do Ente Xestor poderán asistir eventualmente, e trala convocatoria da presidencia, persoas con coñecementos técnicos e científicos nas materias a tratar e cuxa colaboración se estime conveniente. Estas persoas asistirán ás sesións con voz pero sen voto.

Os membros do Ente Xestor perderán a súa condición de tales nos seguintes casos:

1) Por perda da condición pola que foron nomeados.
2) Por renuncia do interesado, comunicada por escrito á presidencia do Ente Xestor.
3) Por decisión das unidades, organismos ou entes designantes.

Funcións do Ente Xestor das Rutas do Viño da Eurorrexión

O Ente Xestor das Rutas do Viño da Eurorrexión terá as funcións seguintes:

a)- Propoñer actuacións por parte das Administracións para apoiar e promover a certificación das rutas.

b)- Promover a integración das rutas da Rede noutras redes de ámbito territorial superior ao de Galicia-Norte de Portugal, se fose procedente.

c)- Representar á Rede de Rutas do Viño da Eurorrexión nos distintos eventos enoturísticos e promocionais que se celebren, se fose conveniente.

d)- Propor ás Administracións públicas actuacións e disposicións encamiñadas ao fomento e promoción das rutas da rede.

e)- Promover un manual de produto que recolla os mínimos de calidade requiridos para a pertenza á rede.

f)- Levar a cabo a coordinación entre os entes xestores de cada unha das rutas que compoñen a rede.

g)- Desenvolvemento das rutas do viño como instrumento dinamizador do territorio.

h)- Animar á participación en programas formativos das empresas integrantes das rutas enoturísticas.

i)- Favorecer e coordinar contactos e sinerxías entre as administracións e as persoas operadoras dos sectores vitivinícola, cultural, de ocio e turístico.

j)- Promover a sinalización das rutas.

k)- Ademais, o Ente Xestor das Rutas do Viño da Eurorrexión poderá realizar outras funcións acordadas polo seu Pleno, decididas por maioría absoluta, sempre que estas novas funcións fosen consecuentes co espírito e a lóxica de funcionamento deste Ente Xestor.

 
Contacta cos socios
Denominación de Orixe:
Poboación:
Rutas do viño de Galicia Norte de Portugal - Todos Os Dereitos Reservados 2010
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Suxestións e queixas | Aviso Legal | Atendémolo/a | RSS
Turgalicia