A Ruta do Viño Ribeira Sacra estende o seu territorio entre as provincias de Ourense e Lugo, cuxo límite natural vén dado polos canóns que perfilan a canle do río Sil. Está formada por un territorio agreste que abarca 1.200 ha.
Ribeira Sacra é unha denominación de “ribeira” entendida en contraposición ao “chan”, porque os canóns dos ríos fan que nas súas ladeiras o cultivo da vide sexa o único traballo agrícola posible. Comprende as ribeiras dos ríos Sil e Miño, cos seus respectivos afluentes.
Trátase dun extenso territorio, que vén marcado polos profundos vales que o Sil e o Miño foron labrando e polos acusados desniveis. Esta orografía e a adaptación das vides ao medio constitúen a razón de que hoxe a actividade vitivinícola de Ribeira Sacra sexa coñecida como «agricultura heroica».
O cultivo da vide tense que facer en bancais, muras, socalcos -variados nomes que reciben os escalóns ou degraos desta escaleira que simboliza á Ribeira Sacra-, e todo en ladeiras con pendentes de desniveis infinitos.
Estrutura do sector vitivinícola de Ribeira Sacra.A aprobación definitiva da Denominación de Orixe produciuse en 1996. No que se refire á estrutura da propiedade, a gran maioría coñécese como pequeno produtor; é dicir, aqueles que teñen unha produción inferior aos 30.000 litros. O 14% constitúe o grupo dos medianos produtores, cuxa produción atópase entre os 30.000 e 100.000 litros. Tan só o 7% dos adegueiros conforman o grupo dos grandes produtores; aqueles que producen máis de 100.000 litros.
A denominación, desde un primeiro momento, apostou por viños mozos, do ano, maioritariamente tintos, logrando un lugar máis que sinalado no conxunto das denominacións do Estado Español. Singulares brancos poñen tamén no mercada algunhas adegas.
O esmero na selección da uva, con variedades autóctonas, así como o rigor nos controis de calidade, fixeron posible o prestixio que Ribeira Sacra ten tanto en Galicia como en España, chegando xa a pór os pés na comercialización nos mercados internacionais.
A Ribeira Sacra ten o viño como tarxeta principal de identidade. É o todo que harmoniza paisaxes incribles de flora atlántica con, no val do Sil, a vexetación mediterránea; é un conxunto que combina unha importante riqueza de monumentos románicos cos espectaculares vales dos seus ríos; é a expresión máis evidente de como o respecto á tradición se pode e debe combinar coa moderna forma de entender o mundo do viño.
Rutas do viño de Galicia Norte de Portugal - Todos Os Dereitos Reservados 2010