A Ruta do Viño de Valdeorras, sitúase na parte Sur-Occidental da provincia de Ourense, é a porta natural de entrada a Galicia, profundo val modelado polo que discorre o río Sil. Cruzada de este a leste pola histórica Vía XVIII ou Vía Nova, que comunicaba Braga con Astorga, foi terra de paso e destino das lexións romanas que explotaron os seus recursos auríferos, plantaron as primeiras cepas e construíron lagares.
Así foron dando orixe a unha tradición e cultura, hoxe secular no cultivo da vide e á elaboración de exquisitos viños que cantaron os romeros e peregrinos que seguían o Camiño Real cara a tumba do Apóstolo Santiago.
A D.O. «Valdeorras» foi recoñecida por Orde Ministerial en 1945. A zona de produción desta denominación de orixe ocupa parte da bacía dos ríos Sil, Xares e Bibei. Naceu coa clara vocación de garantir a calidade dos viños da Comarca e de traballar na recuperación de variedades autóctonas como o Godello e no fomento de plantacións doutras variedades como o Mencía.
Despois de anos de esforzo investigador e progresiva implantación das novas tecnoloxías no coidado dos viñedos e a modernización do proceso de produción, logrouse que os viños de Valdeorras estean entre os mellores viños xóvenes de España e teñan prestixio a nivel internacional. Suecia, Alemaña e Reino Unido atópanse entre os seus principais clientes dentro da Unión Europea e fóra, EE.UU. que está experimentando un importante crecemento debido ás altas puntuacións obtidas por parte dos críticos norteamericanos.
A Ruta do Viño de Valdeorras ofrece ademais agrestes paisaxes, un rico patrimonio histórico e cultural, arte, gastronomía e, sobre todo, ás súas xentes rexes pero, tamén, acolledoras. Co viño e a viticultura á vangarda desa espléndida oferta.
Rutas do viño de Galicia Norte de Portugal - Todos Os Dereitos Reservados 2010