A actual rexión demarcada como Vinhos Verdes esténdese por todo o norte de Portugal, abarcando 34.000 ha. de rica e fértil terra. É a zona coñecida tradicionalmente como Entre Douro-e-Minho e está situada a unha altitude inferior aos 700 m. constituíndo unha rexión chea de compartimentos naturais e abundante auga; terra rica para a agricultura e gandaría, que ocasionou un gran poboamento do espazo. Salpicado por relevantes cidades, en combinación cunha importante dispersión da poboación. Un aspecto este último que xera a nivel visual unha continuidade na fronteira da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Enmarcada ao norte polo Minho, que constitúe unha fronteira natural coa súa veciña Galicia, e ao sur polo Douro, que a separa do resto do país, a súa estrutura territorial vén marcada por aspectos de índole cultural e, moi fundamentalmente, orográfica. Esta vén determinada en gran medida polas vías naturais de comunicación que se insiren nos vales fluviais do Minho, Lima, Cávado, Ave, Sousa, Tâmega e Douro, que percorren todo o norte do país en sentido leste-oeste, finalizando moitos deles en grandes chairas máis preto do litoral. Son nestas nas que se sitúan as maiores concentracións de poboación.
A gran concentración demográfica contrasta asemade cunha diseminación das unidades de produción; pequenas explotacións nas que sempre se practicou unha agricultura intensiva. Trátase da maior rexión vitícola de Portugal e unha das maiores de Europa. O seu comercio exterior acadou unha grande importancia, ao mesmo tempo que o incremento da propia agricultura, incentivadas, principalmente, polo predominio da colonia inglesa que se instalou en Viana do Castelo.
O Vinho Verde é único no mundo. Un viño naturalmente leve e fresco, que acada a excelencia entre os viños brancos. O viaxeiro pode visitar as viñas e as adegas, descubrir os procesos de produción e coñecer as súas xentes e a súa rica gastronomía. Todo o que visite o Noroeste de Portugal descubrirá de onde vén a frescura, o carácter e a singularidade dos Vinhos Verdes.
Rutas do viño de Galicia Norte de Portugal - Todos Os Dereitos Reservados 2010